Los Solidarios

O grupo Los Solidarios, tamén coñecido como Crisol, foi un grupo de acción armada formado entre 1922 e 1923 en Barcelona como resposta á guerra sucia emprendida por sectores patronais e gobernamentais contra os sindicatos.

Xordeu como sucesor dun grupo anterior chamado "Los Justicieros" creado en Zaragoza.

Integrado por anarcosindicalistas, montaron unha rede para a compra e depósito de armas coas que se atentaba contra elementos do Sindicato Libre patronal. Atribúenselles atracos a bancos como o do Banco de España (setembro de 1923) ou o asasinato do cardeal zaragozano Juan Soldevila y Romero (1923). Despois deste feito e coa presión da ditadura de Primo de Rivera, Durruti, Ascaso e outros membros fuxiron a Francia primeiro e a América Latina despois, onde se lles imputan máis atracos. Volveron a Europa establecéndose en Francia, onde viviron clandestinamente despois de seren acusados de intentar asasinar o rei Afonso XIII nunha visita a París. Expulsados finalmente dese país, establecéronse en Bélxica, onde lles foi permitida a residencia. Coa proclamación da República (1931) algúns dos membros que puideron volver a Cataluña deciden ingresar na Federación Anarquista Ibérica co nome de "Nosotros", aínda que con posicións máis radicais que as da federación. Ó declararse a guerra civil española o grupo deixou de actuar como tal.

Consérvase unha gravación sonora dun discurso de Joan García Oliver [1] cualificando ós membros do grupo, incluíndose el mesmo, como os mellores terroristas da clase traballadora, os que mellor podían devolver golpe por golpe o terrorismo branco contra o proletariado como os asasinatos de Salvador Seguí ou Francesc Layret por parte da patronal.[2]

  1. Vídeo con el discurso de Francisco Ascaso
  2. Durruti en la revolución española (video)

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy